29 ene 2010

Cartaz gañador festa do queixo 2010























Daniel Camino, faise por segundo ano consecutivo co 1º premio do concurso de cartaces

Entre un total de 41 propostas recibidas, cifra que supón o récord da organización, Daniel Camino Barral, gañador da anterior edición, repetiu galardón ao gañar novamente o 1º premio hoxe venres 29, ás 13:00 h na Capela da Madalena de Arzúa coa obra baixo o título “Imaxina”, que será o cartaz anunciador da 35ª Festa do Queixo.

Logo das valoracións e deliberacións nunha ronda preliminar, o xurado emitiu o seu fallo concedendo o primeiro premio á peza nº 2 (“Imaxina”) valorando a identificación coa filosofía do evento, a súa creatividade e a orixinalidade, que consiguen unha magnífica composición de gran impacto visual.

O autor conxuga a fotografía, na que destaca un especial traballo de iluminación, coa tipografía para acadar o resultado final deste orixinal cartaz. Segundo Daniel Camino, os bonecos que sosteñen o queixo representan ás diferentes persoas que de algunha maneira traballan e apoian o queixo de Arzúa.

O xurado estivo composto por: Juan Carlos Vázquez Otero, profesor de música e pintor; Xosé Luis García López, Concelleiro de Cultura do Concello de Arzúa e presidente da Asociación da Festa do Queixo; Oscar Villanueva Otero, profesor de debuxo no IES de Arzúa; Magdalena Carreira, mestra de primaria do CEIP de Arzúa e Ramón Roldán, consultor de comunicación, todos eles cualificados e designados pola Asociación Festa do Queixo.

Foron diversas as técnicas empregadas este ano na elaboración dos cartaces: óleos, deseño gráfico, fotografía, ou ceras. Todos os cartaces formarán parte dunha exposición itinerante que se amosará nas distintas parroquias de Arzúa. Durante os días de celebración da Festa do Queixo, a dita exposición volverá a exporse na vila.

No hay comentarios: