29/01/2010

Cartaz gañador festa do queixo 2010























Daniel Camino, faise por segundo ano consecutivo co 1º premio do concurso de cartaces

Entre un total de 41 propostas recibidas, cifra que supón o récord da organización, Daniel Camino Barral, gañador da anterior edición, repetiu galardón ao gañar novamente o 1º premio hoxe venres 29, ás 13:00 h na Capela da Madalena de Arzúa coa obra baixo o título “Imaxina”, que será o cartaz anunciador da 35ª Festa do Queixo.

Logo das valoracións e deliberacións nunha ronda preliminar, o xurado emitiu o seu fallo concedendo o primeiro premio á peza nº 2 (“Imaxina”) valorando a identificación coa filosofía do evento, a súa creatividade e a orixinalidade, que consiguen unha magnífica composición de gran impacto visual.

O autor conxuga a fotografía, na que destaca un especial traballo de iluminación, coa tipografía para acadar o resultado final deste orixinal cartaz. Segundo Daniel Camino, os bonecos que sosteñen o queixo representan ás diferentes persoas que de algunha maneira traballan e apoian o queixo de Arzúa.

O xurado estivo composto por: Juan Carlos Vázquez Otero, profesor de música e pintor; Xosé Luis García López, Concelleiro de Cultura do Concello de Arzúa e presidente da Asociación da Festa do Queixo; Oscar Villanueva Otero, profesor de debuxo no IES de Arzúa; Magdalena Carreira, mestra de primaria do CEIP de Arzúa e Ramón Roldán, consultor de comunicación, todos eles cualificados e designados pola Asociación Festa do Queixo.

Foron diversas as técnicas empregadas este ano na elaboración dos cartaces: óleos, deseño gráfico, fotografía, ou ceras. Todos os cartaces formarán parte dunha exposición itinerante que se amosará nas distintas parroquias de Arzúa. Durante os días de celebración da Festa do Queixo, a dita exposición volverá a exporse na vila.

28/01/2010

mañá venres 29, elección do cartaz gañador

Os integrantes do xurado da Festa do Queixo elixirán mañá venres 29 de xaneiro o cartaz gañador na edición 2010 , así como o segundo e terceiro clasificado

A dita votación terá lugar a partires das 13.00h na capela da Madanela de Arzúa, onde están expostos ao público os 41 orixinais presentados.

Os premios son:
1º premio..................600 euros
2º premio..................300 euros
3º premio..................150 euros
4º premio..................agasallo festa do queixo

A peza elixida como 1º premio será o cartaz anunciador da Festa do Queixo e a imaxe a partir da cal se crearán as aplicacións para a súa promoción. O acto de entrega de premios incluirase no programa oficial do evento, que se celebrará os dias 6 e 7 de marzo de 2010.

Grazas a todos os presentados!
www.intanxibles.com

14/01/2010

concurso de carteis 2010


“Queixo no camiño”, 4º premio (votación popular)

Alejandro Pampín gaña o premio especial do público do CONCURSO DE CARTEIS ANUNCIADORES da XXXV edición da Festa do Queixo de Arzúa.

Título Obra: “Queixo no camiño”
Autor: Alejandro Pampín, estudante de Artes Gráficas
Procedencia: Arzúa

14 de xaneiro de 2010
A organización amósase especialmente satisfeita da participación lograda, que supón un récord con respecto a edicións anteriores. Este e todos os carteis presentados nesta edición pódense ver ata o 31 de xaneiro na exposición que se está a celebrar na Capela da Madalena de Arzúa.

Ademais deste cuarto premio, que obterá un agasallo especial da organización, o certame outorgará tres premios máis cunha dotación económica de 600, 300 e 150 euros. Para a entrega de premios celebrarase un acto especial, que se incluirá no Programa Oficial da 35ª Festa do Queixo de Arzúa.

A elección dos tres primeiros premios terá lugar na última semana de xaneiro de 2010, mediante a valoración dun xurado cualificado designado pola Comisión “Festa do Queixo” cun único voto por persoa. Os orixinais premiados e os seus dereitos de imaxe pasarán a ser propiedade do Concello de Arzúa.

A peza elixida polo xurado como 1º premio será o cartel anunciador da 35ª edición da Festa do Queixo, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de marzo.