17 mar 2011

A FESTA DO QUEIXO FINALIZA ESTA FIN DE SEMANA CO "1º CONCURSO DE RAZA FRISONA, ARZÚA 2011"


O sábado 19 e domingo 20 de marzo remata a programación da 36ª Festa do Queixo o "1º Concurso Morfolóxico Provincial de Raza Frisona, Arzúa 2011".

O evento terá lugar no Pavillón Municipal da Feira do Gando (Santa María s/n, Arzúa) e compleméntase cun amplo programa de actividades no que, ademais do sorteo dunha becerra, inclúense diversos concursos e demostracións. Abaixo podedes consultar o programa completo: 

Cartel do 1º Concurso de Raza Frisona
Os días 19 e 20 de marzo, celébrase no marco da programación da 36ª Festa do Queixo o 1º Concurso de Raza Frisona, Arzúa 2011. A cita xorde da necesidade de ter na provincia da Coruña un certame no que se poida valorar, xulgar e apreciar o alto potencial xenético das granxas frisonas da nosa provincia.

Despois de pasar as probas de selección cóntase coa presenza de 100 animais finalistas dos que sairá a Novilla Gran Campioa Provincial. Hai xa varios meses iniciáronse os preparativos deste acontecemento, que se espera sexa un éxito de asistencia de público. 
  
reverso do folleto, programación actividades
A xornada do sábado 19 está especialmente enfocada aos máis novos. A organización pretende trasladarlle as novas xeracións o valor do traballo que os gandeiros fan coa xenética para darlle valor engadido aos nosos animais e transmitirlle o sentimento de orgullo de ser os futuros gandeiros.

Desde PROFRICO anímase a todos os gandeiros e gandeiras de leite a que visiten esta fin de semana o concurso, pois é un orgullo para a provincia poder contar con animais de alto potencial xenético e melloradores da raza. O público está convidado a gozar deste concurso, no que poderá apreciar a gran labor que fan os gandeiros da Coruña cos nosos animais e terá a oportunidade de admirar aos mellores exemplares existentes hoxe en Galicia e en España.

As bases dos concursos están dispoñibles no sitio web www.xovenesgandeiros.com

Organizado pola Asociación de Promoción de Frisona Coruña (PROFRICO), co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Arzúa, Africor Coruña, Fefriga e o Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia. 

No hay comentarios: