28 feb 2011

O xoves 3 de marzo, presentación da 36ª edición


O xoves 3 de marzo, presentación oficial da Festa do Queixo 2011 no Telecentro de Arzúa (12.30h)
 
No dito acto darase a coñecer aos medios de comunicación a programación ao completo desta 36ª edición. A presentación, que terá lugar no Telecentro de Arzúa ás 12.30h (Avda. de Lugo s/n) é de libre acceso para o público que o desexe (ata encher aforo, no seu caso). O programa íntegro poderase consultar e tamén descargar en www.festadoqueixo.org.  

Abaixo podedes ver un vídeo resumo da edición 2010 (Correo TV) 

VER VIDEO EDICIÓN 2010
Festa do Queixo 2010 -correo TV-

Para quen non coñeza Arzúa ou desexe coñecela un pouco máis, recomendamos o vídeo producido polo aula de teatro Ánxel Casal.
 
VER VÍDEO PARTE 1
Vídeo "Pensa en Arzúa, pensa en ti" -parte 1-

VER VÍDEO PARTE 2
Vídeo "Pensa en Arzúa, pensa en ti" -parte 2-

Entrevistas realizadas na Capela da Madanela de Arzúa, e ao fondo parte das pezas presentadas ao concurso de carteis 2011 -coordinación audiovisual de Iris Producións-.

15 feb 2011

ZAPATOTIPOBOTA (Euskadi), MUNICH (Vigo) e LE CÛL (Chantada) finalistas da 3ª edición do QUEIXO MAQUETÓN


O concurso de maquetas establece un novo récord con máis de 50 proxectos presentados.

Un total de 54 propostas con representación da maioría das comunidades autónomas españolas foron recibidas ao longo dos tres meses que a Organización determinou como prazo para inscribirse no concurso. Esta cifra supón un novo récord de participación, superando amplamente as 31 propostas da segunda edición (2010) e os 22 traballos recibidos na primeira (2009). O sábado 12 de marzo os galegos Munich e Le Cûl e os Vascos Zapatotipobota serán os finalistas do Queixo Maquetón  (Praza de Galiza, 18h).

PREMIOS: o concurso conta cunha dotación económica de 600 euros ao gañador, 200 euros para o segundo clasificado e 100 euros para o terceiro, ademais de 400 euros a cada grupo en concepto de desprazamento e estancia en Arzúa. 

Desde Euskadi chegan Zapatotipobota, un proxecto formado por Vallejo, Javi, María e Leta batería de El Inquilino Comunista e We Are Standard e que eles mesmos denominan indietronic con guitarras rockeiras ao estilo Ira Kaplan ou J. Mascis e voz rasgada. Foron finalistas do XXII Villa de Bilbao e andan preparando o seu primeiro traballo. 

Zapatotipobota -Euskadi-
A representación galega é dobre e chega como nas dúas edicións anteriores desde Vigo e este ano desde o concello lugués de Chantada.
 
No caso de Vigo serán Munich os que opten ao premio de 600 euros. Xurdidos a comezos de 2008, nacen coa idea de fundir o son dos ostenta máis escuros coas atmósferas actuais máis densas e profundas. Bases rítmicas presentes, guitarras afiladas e sintetizador. En xaneiro de 2009 ve a luz a súa primeira demo “Confusion, Lights & Sounds” que os levou a ser finalistas dos Levi´s Unfamous Music Awards, Demonova 09 e Maketón Estrella Galicia. En 2011 sacarán o seu primeiro longa duración.

Munich -Vigo-
Desde Chantada Le Cûl estará tamén na final o día 12 de marzo. Singulares, frescos e divertidos. Guitarras, sintetizadores e futurismo. Unha das moitas bandas que forman parte do que se deu en chamar “GALICIAN BIZARRE” un movemento musical que cada día está a cobrar maior protagonismo coas súas propostas alonxadas dos convencionalismos e que seguramente dará ben que falar nos vindeiros anos.

LE CÛL www.myspace.com/leculbanda
 
Le Cûl -Chantada (Lugo)-

Visita o Myspace dos 54 grupos desde  www.myspace.com/proxectoqueixomaqueton/blog


10 feb 2011

O restaurador ANDRÉ ARZÚA, un dos novos referentes da alta cociña galega, ao fronte do “Comando Chef”-TVG-, será o PREGOEIRO da 36ª Festa do Queixo


O lider do Comando Chef utilizará a  nova cociña do Recinto Feiral que se estrea este ano para sorprender aos todos participantes, sobre todo aos máis novos, que poderán intervir nun obradoiro especial de receitas de queixo dirixido por André.

André Arzúa cociñando en "Comando Chef"

O pregón terá lugar, xunto cos actos oficiais de inauguración, o sábado 12 de marzo a partires dás 13h no Recinto Feiral.

Graduado como técnico en Hostalería en Santiago de Compostela, André Arzúa levou a cabo a súa actividade en diferentes establecementos. Coa bagaxe reunida ata entón, unida a un traballo de investigación serio e esixente, tense convertido nun dos chefs de referencia da alta cociña galega do século XXI.

André tén editado xa un libro ben interesante, "Cociña”, no que se recollen máis de trescentas receitas e lidera ademais o equipo do programa Comando Chef da TVG, que cada semana se presenta sen previo aviso na casa dun galego coa intención de preparar unha cea para compartir con un personaxe famoso. Dispoñen de 60 minutos e unicamente se pode cociñar co que haxa na neveira nese momento. Para isto, cóntase coa súa experiencia como chef e co seu equipo, a mâitre, Aurora Asorey, e o comandante do "comando", Rafa Durán. 

En 2004, asumiu os riscos de poñer en pé o seu propio proxecto en A Fábrica de Vilanova de Allariz, unha antiga curtidoría convertida hoxe nun fermoso restaurante no que se respiran o ambiente e os recordos da vella maquinaria. Nel combina produtos galegos e da gastronomía peninsular cun receitario internacional e ofrece unha coidada carta, con moitas e interesantes propostas de produtos diversos e elaboracións contemporáneas, nos que se deixa ver a súa visión internacional e a súa permanente curiosidade.
A súa maxia está en conseguir creacións únicas sen esquecer as raíces culinarias da súa terra. O produto de calidade e o amor polos bos froitos da terra son a base a partir da que reinventa as receitas clásicas para convertelas en sorprendentes mesturas culinarias.
O pregoeiro coñece ben a identidade e o valor do queixo de Arzúa e sabe da súa importancia como ingrediente fundamental da cociña do noso país. Condimentado coa súa sensibilidade pola terra, a natureza e, sobre todo, a súa imaxinación, seguro que elabora un exquisito pregón para exaltar o noso manxar.

imaxe da nova cociña do Recinto Feiral Terra do Queixo