10 feb 2011

O restaurador ANDRÉ ARZÚA, un dos novos referentes da alta cociña galega, ao fronte do “Comando Chef”-TVG-, será o PREGOEIRO da 36ª Festa do Queixo


O lider do Comando Chef utilizará a  nova cociña do Recinto Feiral que se estrea este ano para sorprender aos todos participantes, sobre todo aos máis novos, que poderán intervir nun obradoiro especial de receitas de queixo dirixido por André.

André Arzúa cociñando en "Comando Chef"

O pregón terá lugar, xunto cos actos oficiais de inauguración, o sábado 12 de marzo a partires dás 13h no Recinto Feiral.

Graduado como técnico en Hostalería en Santiago de Compostela, André Arzúa levou a cabo a súa actividade en diferentes establecementos. Coa bagaxe reunida ata entón, unida a un traballo de investigación serio e esixente, tense convertido nun dos chefs de referencia da alta cociña galega do século XXI.

André tén editado xa un libro ben interesante, "Cociña”, no que se recollen máis de trescentas receitas e lidera ademais o equipo do programa Comando Chef da TVG, que cada semana se presenta sen previo aviso na casa dun galego coa intención de preparar unha cea para compartir con un personaxe famoso. Dispoñen de 60 minutos e unicamente se pode cociñar co que haxa na neveira nese momento. Para isto, cóntase coa súa experiencia como chef e co seu equipo, a mâitre, Aurora Asorey, e o comandante do "comando", Rafa Durán. 

En 2004, asumiu os riscos de poñer en pé o seu propio proxecto en A Fábrica de Vilanova de Allariz, unha antiga curtidoría convertida hoxe nun fermoso restaurante no que se respiran o ambiente e os recordos da vella maquinaria. Nel combina produtos galegos e da gastronomía peninsular cun receitario internacional e ofrece unha coidada carta, con moitas e interesantes propostas de produtos diversos e elaboracións contemporáneas, nos que se deixa ver a súa visión internacional e a súa permanente curiosidade.
A súa maxia está en conseguir creacións únicas sen esquecer as raíces culinarias da súa terra. O produto de calidade e o amor polos bos froitos da terra son a base a partir da que reinventa as receitas clásicas para convertelas en sorprendentes mesturas culinarias.
O pregoeiro coñece ben a identidade e o valor do queixo de Arzúa e sabe da súa importancia como ingrediente fundamental da cociña do noso país. Condimentado coa súa sensibilidade pola terra, a natureza e, sobre todo, a súa imaxinación, seguro que elabora un exquisito pregón para exaltar o noso manxar.

imaxe da nova cociña do Recinto Feiral Terra do Queixo

No hay comentarios: