25 ene 2011

DELINQÜENTES con TOMASITO, RIOBÓ e o DJ CHEMA REY COMPLETAN O FESTIVAL DO QUEIXO XUNTO A TOTE KING e SUSANA SEIVANE


A programación musical do Festival do Queixo complétase coas actuacións de Delinqüentes e Tomasito, os galegos Riobó, a sesión DJ e a conferencia interactiva do lendario locutor de Radio 3, Chema Rey. Ademais, a forza dos novos talentos coa 3ª edición do "Queixo Maquetón" .

O SÁBADO 12 DE MARZO chega xa pola tarde con toda a forza a 3ª edición do "Queixo Maquetón" .Os novos talentos terán a oportunidade de amosar o seu mellor directo na praza de Galiza. A actuación dos tres grupos finalistas que abre o festival e comezará ás 18 h.
Ás 21.30 h Tote King no campo da feira presentarános  o seu novo disco, “El Lado Oscuro de Gandhi”. A primeira noite de festa continuará co concerto de Delinqüentes e Tomasito, ás 23 h.
Ás 00.30 h terá lugar a actuación do grupo gañador, do Queixo Maquetón, un do concerto máis que agardado polo público.
Ao remate da xornada chegará a agardada sesión DJ de Chema Rey; o mestre que guiou a tantos afeccionados desde os micrófonos de El Bulevar de Radio 3, ofreceranos a súa sesión cos pratos a partir da 01.30h da madrugada.
 
O DOMINGO 13 DE MARZO, a programación musical comeza xa no recinto feiral ás 13 h coa conferencia audiovisual de Chema Rey, o emblemático locutor achéganos á historia do rock a través de imaxe e son nunha sesión bailable de 90 minutos.
Pola tarde, poderemos gozar desde as 18 h coa actuación do quinteto acústico galego Riobó. Por último, unha das nosas gaiteiras de máis sona internacional, Susana Seivane, pechará a programación da 36ª edición da Festa do Queixo coa súa actuación ás 19.30h. 

cartel programación musical Festival do Queixo 2011


PROGRAMACIÓN FESTIVAL DO QUEIXO
SÁBADO 12 MARZO

Queixo Maquetón -final- |18.00 h
|praza de Galiza|
Actuación dos 3 grupos finalistas. Ao longo da súa curta traxectoria o Queixo Maquetón logrou situarse como un dos concursos de máis prestixio do panorama estatal. Logo do éxito, séguese apostando polas novas bandas e os novos talentos, ofrecéndolles a oportunidade de amosar a súa música en Arzúa.
O prazo de presentación de maquetas remata o 15 de febreiro e Radio Arzúa xa recibiu máis de 20 traballos de altísima calidade chegados das catro provincias galegas e doutros puntos d como Madrid, Andalucía ou Asturias. Ademais, nesta edición amplíanse os premios, que ascenden a 600, 300 e 100 euros para o gañador, o 2º finalista e o 3º finalista respectivamente.
 
TOTE KING | 21.30 h |
| campo da feira |

Tote dá unha puñada na mesa coas letras e ritmos máis ambiciosos da súa carreira: volve o MC en maiúsculas. O rapeiro andaluz presentará en Arzúa “El Lado Oscuro de Gandhi”, o seu cuarto disco en solitario que saíu a venda neste outubro de 2010. É un disco cheo de bo humor, letras afiadas e un estilo insuperable que poderemos degustar na Festa do Queixo. Temas como “Redes Sociales” teñen causado revolución nos medios, especialmente dixitais pola súa crítica ácida e particular humor tratando o uso excesivo que a mocidade fai destas redes. O tema foi éxito total con máis de 200.000 visitas de youtube na súa primeira semana, sendo nº 1 e vídeo máis visto en Myspace.
A súa historia é a dun talento sen límite. Poucos rappers españois teñen logrado manterse no cume de forma sostida durante case dez anos sen acusar o cansazo e, o máis importante, mantendo o seu status intacto. Tamén é a historia dun espírito inquebrantable: a súa mordacidade non só non descendeu desde os seus primeiros pasos no rodo do hip-hop español, senón que tén trazado una liña ascendente a medida que ten pasado o tempo e a tarxeta foi enriquecéndose. As rimas téñense afiado ata o extremo; as ideas son cada vez máis claras; as críticas, máis incómodas; o compromiso, máis incondicional; o humor, máis humor...
www.toterreno.com
DELICUENTES&Tomasito | 23.00h |
| campo da feira |

Traen da casa pouca equipaxe: as guitarras de pau, un caixón, as palmas das mans, e un baixo eléctrico cuxo cable que colga pola xanela é o único que está enchufado. Método natural. Os Delinqüentes e Tomasito ispen cancións propias e alleas case sempre por rumbas, tangos e bulerías.Con todo o resultado sonoro dános cambras. O segredo é o soniquete. Despois de 12 anos de evolución do son garrapatero, para os Delinqüentes é volver ás orixes do grupo, ao o seu lado máis rústico, ao máis salvaxe, o máis auténtico.
Nomean habitualmente as súas gravacións con longos títulos, como Los hombres de las praderas y sus bordones calientes. A orixe desta denominación recóllenno dun escrito a finais dos 60 dos Smash, pioneiros da unión do rock co flamenco baixo a etiqueta de rock progresivo e xefes do ambiente underground sevillano nos primeiros anos 70. Identifícanse, recoñecen e admiran a Bob Dylan, Tío Gregorio O Borrico, Zappa, O Migue, O Sopapo, Bernarda e Fernanda de Utrera, Mick Jagger,Rafael e Raimundo Amador ou Jimmy Hendrix. 

Sesión DJ CHEMA REY | 01.30 h |
| praza de Galiza |

Un dos mestres musicais, que guiou a tantos afeccionados desde os micrófonos de Radio 3 e que agora o fai ao vivo. Logo do seu significativo paso polo mítico programa radiofónico, sitúase ao outro lado da mesa de mesturas presentando nos máis relevantes festivais o seu bo facer como Dj . O emblemático locutor ofrece agora inesquecibles sesións musicais onde nos fai vibrar o esqueleto, suar e queimar os pés coa mellor música posible.
myspace de Chema Rey

DOMINGO 13 MARZO
Conferencia Audiovisual Chema Rey |13.00 h |
| recinto feiral, 1º andar |
Conferencia-Sesión-Audiovisual para profanos, menores de secundaria e todos os públicos.
"A Historia do Rock. De Elvis a Vetusta Morla (6 Décadas de Música Pop)"
 

A historia do rock a través dunha conferencia interactiva ou sesión musical, ambas xuntas nunha experiencia altamente gratificante. A sesión ilustrada reflicte a evolución dos sons, xéneros e actitudes da música desde a irrupción  do Rock&Roll, nos 50 do s.XX, aos conceptos hedonistas da electrónica da última década ou a eclosión do indie como universo alternativo na dixital. A través de 45 cancións, a mostra percorre todos os frontes musicais.enfocando especialmente a socioloxía soterrada en cada período da música.
Imaxes de arquivo, directos e clips recompilados e animados sen esconder o seu rigor cultural baixo un tratamento especialmente divulgativo e divertido.Todo a través dunha interacción e comentarios con reveladoras montaxes visuais de época, artistas, mini-reportaxes sincrónicas instructivas e curiosas.

RIOBÓ | 18.00 h |
| praza de Galiza |


Quinteto acústico formado en 2008 por músicos cunha sólida traxectoria desenvolvida en diversos proxectos e formacións. O fin deste novo proxecto é a música en directo, sendo fieis á orixe da música tradicional galega, que é a de servir ao baile; para este labor céntrase na interpretación de melodías tradicionais galegas, xa ben recollidas nos cancioneiros ou a propias do repertorio dos cuartetos de gaitas e gaiteiros solistas. Recrean un modo clásico de facer música folc, priorizando no seu son o carácter interpretativo e harmónico, fusionando o estilo dos vellos gaiteiros co carácter dos primeiros grupos folc europeos.
O grupo compóñeno Begoña Riobó (violín), de cuxo apelido recolle o seu nome, Fernando Barroso (Guitarra), Marcos Campos (gaita, acordeón e frautas), Xosé Liz (bouzouki), Fernando Pérez (Frautas e requinta) ao que suman a experiencia de múltiples traballos discográficos con outras agrupacións e actuacións nos escenarios máis importantes do mundo.

SUSANA SEIVANE | 19.30h |
| praza de Galiza |

Os soños de Susana sempre tiveron, e seguen a ter, a música da súa terra como fondo. Melodías e cantares que marcaron a súa vida e o seu medrar musical. “Os soños que volven” é unha mirada atrás sobre as pegadas que a música galega foi deixando na súa alma. Pezas ás que rende homenaxe desde a perspectiva dunha longa experiencia avalada pola forza dos seus directos dos últimos anos.As melodías, que debuxan os ecos da súa infancia, xorden con toda a enxebreza da súa voz e da súa gaita, agarimadas por arranxos divertidos, modernos e atrevidos, froito da produción musical da propia Susana e da súa banda.

No hay comentarios: