14 mar 2011

RESUMO EN IMAXES: INAUGURACIÓN OFICIAL, ENTREGAS DE PREMIOS E PREGÓN DA 36ª FESTA DO QUEIXO NO RECINTO FEIRAL


O sábado 12 de marzo tivo lugar a Inauguración Oficial, as entregas de premios do Concurso de Carteis e o Pregón da 36ª edición no recinto feiral Terra do Queixo.
 
Inauguración Oficial 36ª Festa do Queixo, Arzúa 2011

Celtia, Gael e David, alumnos de sexto curso de educación primaria, foron os encargados de presentar e conducir ás 13.00 h do sábado o acto inaugural e a entrega de premios do Concurso de Carteis. A peza Tradición e Modernidade, de Xabier Quinteiro, foi elixida como  gañadora das 106 presentadas, o récord de participación o concurso. 

Entrega de premios concurso de carteis

No acto participaron D. Xaquín García, alcalde do Concello de Arzúa; D.Xosé Luís García, concelleiro de Cultura do Concello de Arzúa e presidente da Asociación para a Promoción da Festa do Queixo; D. Pablo Villamar, vicepresidente da Deputación da Coruña e o restaurador André Arzúa, pregoeiro desta edición 2011. Tamén estiveron presentes Dna, Mª Dolores Galovart, vicevaledora do Pobo, D. Xosé Luis Carrera, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, a delegación convidada do concello de Trujillo coa súa alcaldesa ao fronte entre outros convidados.

André Arzúa, pregoeiro 2011

André Arzúa, un dos chefs de referencia da alta cociña galega do s.XXI, foi o encargado do pregón. Como non podía ser doutra maneira, o seu discurso estivo cheo de referencias gastronómicas, destacando as características e o valor do queixo de Arzúa como ingrediente fundamental da cociña do noso país. Para rematar, ofreceunos “unha nova receita elaborada a base de ingredientes como esforzo, traballo, persoas, ilusión, montes, prados, ríos, camiño, un concello de 7.000 habitantes, leite, sal, vacas e moita paixón, chamada 36ª Festa do Queixo”. O líder de Comando Chef empregará mañá a nova cociña do Recinto Feiral para realizar un obradoiro especial de receitas de queixo dirixido aos máis novos.

Xaquín García e André Arzúa (foto El Progreso)

A inauguración da festa continuouse co espectáculo de Breakdance da Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola e co percorrido e visita das autoridades aos expositores.

Espectáculo de Breakdance no recinto feiral Terra do Queixo

No hay comentarios: