4 mar 2011

PRESENTACIÓN OFICIAL DA PROGRAMACIÓN DA 36ª FESTA DO QUEIXO

Onte xoves 3 de marzo tivo lugar no Telecentro de Arzúa a presentación oficial da programación 36ª edición.

Podedes ver e descargar a programación 2011 e todos os horarios en www.festadoqueixo.org. O dossier coa información completo atoparédelo no apartado de "prensa".

De esquerda a dereita: André Arzúa, pregoeiro 2011; Xosé Luís García, concelleiro de Cultura do concello de Arzúa; Xaquín García, alcalde-presidente do Concello de Arzúa; Xosé Luís Carrera, presidente do C.R.D.O.P. Arzúa-Ulloa e José Ramón Bermúdez,  responsable do Concurso Queixo Maquetón -Radio Arzúa-.

No acto interviron  Xaquín García, Alcalde do Concello de Arzúa; Xosé Luís García, Concelleiro de Cultura, Mocidade, Educación e Normalización Lingüística do Concello de Arzúa e Presidente da Asociación para a Promoción da Festa do Queixo; Xosé Luís Carrera, Presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa; José Ramón Bernárdez, responsable do Concurso “Queixo Maquetón” e André Arzúa, restaurador e pregoeiro desta edición 2011.


Presentación da 36ª Festa do Queixo (3 de marzo de 2011, Telecentro de Arzúa)

Ao despedírmonos agasallouse con queixo da nosa Denominación de Orixe Protexida ás empresas colaboradoras e aos numerosos xornalistas asistentes.

O queixo da D.O.P. Arzúa-Ulloa leva unha etiqueta comercial na que figura a mención da Denominación de Orixe Protexida, cunha contra-etiqueta numerada expedida e controlada polo Consello Regulador. Desde 1989 este queixo, elaborado a partir de leite de natural e enteira de vaca, recibe a denominación de Produto Galego de Calidade.

Arzúa adopta nestes días un valor engadido desde a perspectiva cultural, económica, formativa e de lecer, a través dunha intensa programación de actividades. Ademais dos expositores, o recinto feiral Terra do Queixo acolle diferentes actos relacionados coa cultura, converténdose nun espazo de intercambio que nos achega ao mundo do queixo. No posto da Organización (centro do recinto) haberá información ao visitante e tamén artigos á venda.

A vila é unha espiral, un confluír de xente diversa, un vieiro de acontecementos, a unión do pasado co futuro e un lugar onde cabe o multidisciplinar: tradición, innovación, gastronomía, música, cultura.  Un lugar aberto a tod@s e pensado para tod@s.

A festa é de tod@s e considérate pois na túa casa, así que goza dela respectándoa, e respectando tamén a contorna e aos demais. Se aínda non tiveches a oportunidade, dá unha volta pausada polos arredores de Arzúa, verás a beleza da nosa, da túa, terra. Os aseos públicos do recinto feiral permanecen abertos desde a mañá ata o remate do último dos concertos. Contan con servizo de limpeza e mantemento regular, mais os usuarios somos os que debemos preservar o seu coidado. Hai papeleiras e contedores de lixo no interior e no exterior do recinto feiral, desfaite do lixo nos lugares axeitados. Preserva o coidado de todas as zonas, prazas, rúas, xardíns...

Convidámosvos a gozar do noso 36º aniversario!

+ info no web da festa
 

No hay comentarios: