25 ene 2011

DELINQÜENTES con TOMASITO, RIOBÓ e o DJ CHEMA REY COMPLETAN O FESTIVAL DO QUEIXO XUNTO A TOTE KING e SUSANA SEIVANE


A programación musical do Festival do Queixo complétase coas actuacións de Delinqüentes e Tomasito, os galegos Riobó, a sesión DJ e a conferencia interactiva do lendario locutor de Radio 3, Chema Rey. Ademais, a forza dos novos talentos coa 3ª edición do "Queixo Maquetón" .

O SÁBADO 12 DE MARZO chega xa pola tarde con toda a forza a 3ª edición do "Queixo Maquetón" .Os novos talentos terán a oportunidade de amosar o seu mellor directo na praza de Galiza. A actuación dos tres grupos finalistas que abre o festival e comezará ás 18 h.
Ás 21.30 h Tote King no campo da feira presentarános  o seu novo disco, “El Lado Oscuro de Gandhi”. A primeira noite de festa continuará co concerto de Delinqüentes e Tomasito, ás 23 h.
Ás 00.30 h terá lugar a actuación do grupo gañador, do Queixo Maquetón, un do concerto máis que agardado polo público.
Ao remate da xornada chegará a agardada sesión DJ de Chema Rey; o mestre que guiou a tantos afeccionados desde os micrófonos de El Bulevar de Radio 3, ofreceranos a súa sesión cos pratos a partir da 01.30h da madrugada.
 
O DOMINGO 13 DE MARZO, a programación musical comeza xa no recinto feiral ás 13 h coa conferencia audiovisual de Chema Rey, o emblemático locutor achéganos á historia do rock a través de imaxe e son nunha sesión bailable de 90 minutos.
Pola tarde, poderemos gozar desde as 18 h coa actuación do quinteto acústico galego Riobó. Por último, unha das nosas gaiteiras de máis sona internacional, Susana Seivane, pechará a programación da 36ª edición da Festa do Queixo coa súa actuación ás 19.30h. 

cartel programación musical Festival do Queixo 2011


PROGRAMACIÓN FESTIVAL DO QUEIXO
SÁBADO 12 MARZO

Queixo Maquetón -final- |18.00 h
|praza de Galiza|
Actuación dos 3 grupos finalistas. Ao longo da súa curta traxectoria o Queixo Maquetón logrou situarse como un dos concursos de máis prestixio do panorama estatal. Logo do éxito, séguese apostando polas novas bandas e os novos talentos, ofrecéndolles a oportunidade de amosar a súa música en Arzúa.
O prazo de presentación de maquetas remata o 15 de febreiro e Radio Arzúa xa recibiu máis de 20 traballos de altísima calidade chegados das catro provincias galegas e doutros puntos d como Madrid, Andalucía ou Asturias. Ademais, nesta edición amplíanse os premios, que ascenden a 600, 300 e 100 euros para o gañador, o 2º finalista e o 3º finalista respectivamente.
 
TOTE KING | 21.30 h |
| campo da feira |

Tote dá unha puñada na mesa coas letras e ritmos máis ambiciosos da súa carreira: volve o MC en maiúsculas. O rapeiro andaluz presentará en Arzúa “El Lado Oscuro de Gandhi”, o seu cuarto disco en solitario que saíu a venda neste outubro de 2010. É un disco cheo de bo humor, letras afiadas e un estilo insuperable que poderemos degustar na Festa do Queixo. Temas como “Redes Sociales” teñen causado revolución nos medios, especialmente dixitais pola súa crítica ácida e particular humor tratando o uso excesivo que a mocidade fai destas redes. O tema foi éxito total con máis de 200.000 visitas de youtube na súa primeira semana, sendo nº 1 e vídeo máis visto en Myspace.
A súa historia é a dun talento sen límite. Poucos rappers españois teñen logrado manterse no cume de forma sostida durante case dez anos sen acusar o cansazo e, o máis importante, mantendo o seu status intacto. Tamén é a historia dun espírito inquebrantable: a súa mordacidade non só non descendeu desde os seus primeiros pasos no rodo do hip-hop español, senón que tén trazado una liña ascendente a medida que ten pasado o tempo e a tarxeta foi enriquecéndose. As rimas téñense afiado ata o extremo; as ideas son cada vez máis claras; as críticas, máis incómodas; o compromiso, máis incondicional; o humor, máis humor...
www.toterreno.com
DELICUENTES&Tomasito | 23.00h |
| campo da feira |

Traen da casa pouca equipaxe: as guitarras de pau, un caixón, as palmas das mans, e un baixo eléctrico cuxo cable que colga pola xanela é o único que está enchufado. Método natural. Os Delinqüentes e Tomasito ispen cancións propias e alleas case sempre por rumbas, tangos e bulerías.Con todo o resultado sonoro dános cambras. O segredo é o soniquete. Despois de 12 anos de evolución do son garrapatero, para os Delinqüentes é volver ás orixes do grupo, ao o seu lado máis rústico, ao máis salvaxe, o máis auténtico.
Nomean habitualmente as súas gravacións con longos títulos, como Los hombres de las praderas y sus bordones calientes. A orixe desta denominación recóllenno dun escrito a finais dos 60 dos Smash, pioneiros da unión do rock co flamenco baixo a etiqueta de rock progresivo e xefes do ambiente underground sevillano nos primeiros anos 70. Identifícanse, recoñecen e admiran a Bob Dylan, Tío Gregorio O Borrico, Zappa, O Migue, O Sopapo, Bernarda e Fernanda de Utrera, Mick Jagger,Rafael e Raimundo Amador ou Jimmy Hendrix. 

Sesión DJ CHEMA REY | 01.30 h |
| praza de Galiza |

Un dos mestres musicais, que guiou a tantos afeccionados desde os micrófonos de Radio 3 e que agora o fai ao vivo. Logo do seu significativo paso polo mítico programa radiofónico, sitúase ao outro lado da mesa de mesturas presentando nos máis relevantes festivais o seu bo facer como Dj . O emblemático locutor ofrece agora inesquecibles sesións musicais onde nos fai vibrar o esqueleto, suar e queimar os pés coa mellor música posible.
myspace de Chema Rey

DOMINGO 13 MARZO
Conferencia Audiovisual Chema Rey |13.00 h |
| recinto feiral, 1º andar |
Conferencia-Sesión-Audiovisual para profanos, menores de secundaria e todos os públicos.
"A Historia do Rock. De Elvis a Vetusta Morla (6 Décadas de Música Pop)"
 

A historia do rock a través dunha conferencia interactiva ou sesión musical, ambas xuntas nunha experiencia altamente gratificante. A sesión ilustrada reflicte a evolución dos sons, xéneros e actitudes da música desde a irrupción  do Rock&Roll, nos 50 do s.XX, aos conceptos hedonistas da electrónica da última década ou a eclosión do indie como universo alternativo na dixital. A través de 45 cancións, a mostra percorre todos os frontes musicais.enfocando especialmente a socioloxía soterrada en cada período da música.
Imaxes de arquivo, directos e clips recompilados e animados sen esconder o seu rigor cultural baixo un tratamento especialmente divulgativo e divertido.Todo a través dunha interacción e comentarios con reveladoras montaxes visuais de época, artistas, mini-reportaxes sincrónicas instructivas e curiosas.

RIOBÓ | 18.00 h |
| praza de Galiza |


Quinteto acústico formado en 2008 por músicos cunha sólida traxectoria desenvolvida en diversos proxectos e formacións. O fin deste novo proxecto é a música en directo, sendo fieis á orixe da música tradicional galega, que é a de servir ao baile; para este labor céntrase na interpretación de melodías tradicionais galegas, xa ben recollidas nos cancioneiros ou a propias do repertorio dos cuartetos de gaitas e gaiteiros solistas. Recrean un modo clásico de facer música folc, priorizando no seu son o carácter interpretativo e harmónico, fusionando o estilo dos vellos gaiteiros co carácter dos primeiros grupos folc europeos.
O grupo compóñeno Begoña Riobó (violín), de cuxo apelido recolle o seu nome, Fernando Barroso (Guitarra), Marcos Campos (gaita, acordeón e frautas), Xosé Liz (bouzouki), Fernando Pérez (Frautas e requinta) ao que suman a experiencia de múltiples traballos discográficos con outras agrupacións e actuacións nos escenarios máis importantes do mundo.

SUSANA SEIVANE | 19.30h |
| praza de Galiza |

Os soños de Susana sempre tiveron, e seguen a ter, a música da súa terra como fondo. Melodías e cantares que marcaron a súa vida e o seu medrar musical. “Os soños que volven” é unha mirada atrás sobre as pegadas que a música galega foi deixando na súa alma. Pezas ás que rende homenaxe desde a perspectiva dunha longa experiencia avalada pola forza dos seus directos dos últimos anos.As melodías, que debuxan os ecos da súa infancia, xorden con toda a enxebreza da súa voz e da súa gaita, agarimadas por arranxos divertidos, modernos e atrevidos, froito da produción musical da propia Susana e da súa banda.

14 ene 2011

“TRADICIÓN E MODERNIDADE”, SERÁ A IMAXE DA 36ª FESTA DO QUEIXO


Hoxe tivo lugar en Arzúa  a elección dos gañadores do CONCURSO DE CARTEIS da 36 Festa do Queixo.  O 1º premio foi para a peza  titulada “Tradición e modernidade” obra de Xabier Quinteiro, deseñador gráfico arzúan residente en Madrid. 

Peza nº 59: "Tradición e modernidade"
O xurado valorou a creatividade, sinxeleza e orixinalidade deste cartel que, tal como indica claramente o seu título, combina tradición e modernidade nunha composición de gran impacto visual coa que se consegue un deseño ben compensado, equilibrando as cores, formas e texturas para dar lugar a unha composición frugal. O autor utiliza unha imaxe de perfecta simetría, na que, sen perder de vista o pasado e coa ollada posta no futuro,  sitúa ao queixo reclamando a atención como elemento central que permanece ao longo do tempo.

Todas as pezas están expostas na Capela da Madanela de Arzúa, onde os visitantes poden apreciar a creatividade dos participantes desta edición do concurso. Desde a Organización desexamos reiterar o seu agradecemento a todos os participantes, así como a todas as empresas e persoas relacionadas co evento. Este ano batéronse todas as expectativas coa extensa participación rexistrada de 106 propostas, o que establece por segundo ano consecutivo o récord histórico do evento e supuxo triplicar a media de todas as edicións anteriores. GRAZAS A TOD@S.
 
RESULTADOS FINAIS E GAÑADORES

1º premio: 900 EUROS + fin semana turismo rural 2 pax.+ lote produtos “Festa do Queixo” + queixo XL C.R.D.O.P. Arzúa-Ulloa.
PEZA Nº: 59. Título Obra: “Tradición e modernidade”
Autor: Xabier Quinteiro Vázquez
Idade/Profesión: 34 anos/ Deseñador gráfico
Procedencia: Castañeda-Arzúa. Residente en Madrid


2º premio: 300 EUROS + xantar turismo rural 2 pax.+ lote produtos “Festa do Queixo” +queixo XL C.R.D.O.P. Arzúa-Ulloa.
PEZA Nº: 106
Título Obra: “Vendendo queixo na feira baixo o paraugas”
Autor: Hipólito Xeada Pena
Idade/Profesión: 55 anos/Pintor e escultor
Procedencia: Alfoz-Lugo


3º premio: 100 EUROS + lote produtos “Festa do Queixo” + queixo XL C.R.D.O.P. Arzúa-Ulloa.
PEZA Nº: 6. Título Obra: “Sagutxo”
Autor: Ruth Marañón Martínez de la Puente
Idade/Profesión: 22 anos/Estudante
Procedencia: Onion-Álava


4º premio: AGASALLO ESPECIAL”FESTA DO QUEIXO” + lote produtos “Festa do Queixo” + queixo XL C.R.D.O..P Arzúa-Ulloa
Elixido en votación popular o pasado 10 de xaneiro.
Título Obra: “Medusa”
Autor: Patricia Trepat Silva
Idade/Profesión: 50 anos/Docente
Procedencia: Palma de Mallorca


Parte do xurado visitando a exposición, realizando anotamentos das diferentes pezas e na deliberación.




12 ene 2011

GAÑADOR 4º PREMIO NO CONCURSO CARTEIS


“Medusa”, gañadora do premio por votación popular.

A proposta  “Medusa” resultou a gañadora do 4º premio do Concurso de Carteis da Festa do Queixo, elixido por votación popular o domingo 9 de xaneiro entre as máis de cen pezas presentadas. Os datos do/a autor/a permanecen en sobre pechado para poder optar tamén ao 1º, 2º ou 3º premio na votación final do xurado. O venres 14 coñeceremos a imaxe que anunciará a Festa do Queixo 2011.


7 ene 2011

RÉCORD DE CARTEIS PARA ANUNCIAR A 36ª FESTA DO QUEIXO


AGRADECÉMOSVOS extensa participación rexistrada, con 106 propostas recibidas!.  

Este número establece por segundo ano consecutivo o récord histórico da festa, ao superar con amplitude a edición 2010, na que se recibiran 43 pezas, e supón triplicar a media das edicións anteriores. As diferentes pezas chegan desde diferentes orixes, desede as catro provincias galegas, o País Vasco, Badaxoz, Córdoba, Málaga, etc., realizadas en diferentes técnicas (dixitais, óleos, collages) por persoas de todas as idades. 

Aledámonos da motivación xerada estimulada coas novidades nos premios de 2011 e co aumento da dotación económica, posible as grazas á colaboración entre o concello e o tecido empresarial relacionado co evento, con especial co arzuán. É por iso que, xunto co 1º premio de 900 euros ofrécese unha fin de semana de turismo rural, un xantar, queixos da “talla XL”, lotes de produtos, etc. 

Todas as pezas están expostas na Capela da Madanela de Arzúa, onde se celebrará o luns 10 a elección por votación popular e o venres 14 ás 14.00 h a votación do xurado que elixirá ao gañador. 

Desde a Organización desexamos reiterar o noso agradecemento a todos os participantes, así como a todas as empresas e persoas relacionadas co evento.

+info no web da festa