Mostrando entradas con la etiqueta 36 festa do queixo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 36 festa do queixo. Mostrar todas las entradas

8 abr 2011

RESUMO EN VÍDEOS FESTA DO QUEIXO 2011

Vídeo resumo da 36ª edición


Vídeos resumo concertos Festival do Queixo
Tote King
o sábado 12 de marzo, no escenario do Campo da Feira


Delinqüentes e Tomasito
o sábado 12 de marzo, no escenario do Campo da Feira


 
Riobó
o domingo 13 de marzo, no escenario da Praza de Galiza



Susana Seivane
o domingo 13 de marzo, no escenario da Praza de Galiza



3º Concurso de maquetas Queixo Maquetón

Zapatotipobota -Euskadi-, GRUPO GAÑADOR
o sábado 13 de marzo, no escenario da Praza de Galiza
Munich -Vigo- GRUPO FINALISTA
o sábado 13 de marzo, no escenario da Praza de Galiza

Le Cûl -Chantada- GRUPO FINALISTA
o sábado 13 de marzo, no escenario da Praza de Galiza

21 mar 2011

O ÉXITO DO 1º CONCURSO DE RAZA FRISONA, ARZÚA 2011 PÓN O PECHE Á PROGRAMACIÓN DA 36ª FESTA DO QUEIXO


A gañadora absoluta do concurso foi Césares Boeza Táncer, da gandeiría Casares Holstein S.C. (Lousame). Ademais de conquistar a categoría absoluta, foi tamén a vencedora da sección 7ª (de 23 a 26 meses).

Foto dos gañadores do 1º Concurso de Raza Frisona, Arzúa 2011
O I Concurso de Raza Frisona celebrado esta fin de semana dentro do marco da 36ª Festa do Queixo espertou un gran interese do público e dos profesionais do sector.  No apartado de ganderías, o título de mellor criador obtivo a Gandería Vieites, de Xavestre (Trazo) e o segundo lugar logrouno a Gandería Casa Novas (Mesía).

Entrega do 1º premio a Casares Holstein S.C. (Lousame)
Cerca de 2000 persoas pasaron polo Pavillón de Santa María de Arzúa, onde puideron admirar os mellores exemplares desta raza e coñecer  a gran labor que están a desenvolver coa xenética os gandeiros da Coruña para mellorar aos nosos animais e darlle un valor engadido.

Xaquín García, alcalde de Arzúa, clausurando esta 1ª edición do concurso
Na 1ª categoría, novelas de 5 a 7 meses, O Casal Xarda 7496 Xacobeo, de O Casal Vilar SAT (Touro), foi a elixida entre as 17 participantes. Na 2ª categoría, de 8 a 10 meses, na que participaron 22 exemplares, a gañadora foi Ferreiro Pucha Elegant, da Gandería Chousa Nova S.C. (Touro). Na 3ª categoría, de 11 a 13 meses, resultou gañadora  Calzada Volcán Dolman, da Gandería Duro de Calzada (Arzúa), mentres que a Dalmiña de Ribera de Granxa Ribera SC (Aranga) fíxose coa 4º sección, de 14 a 16 meses. Na 5ª categoría, de 17 a 19 meses, impúxose Casa Novas Dulce Laramee 740, de Casa Novas (Mesía), e na 6ª, de 20 a 22 meses, Caneda Ruta Xacobeo, de Casa Caneda (Boqueixón). Para finalizar, a tenreira gañadora absoluta foi Calzada Volcán Dolman e o título de Xovenca Campiona foi para Césares Boeza Táncer, que tamén gañou na 7ª categoría, de 23 a 26 meses.

Ao final do acto sorteuse unha berrerra entre os asistentes.


Ao remate do concurso tivo lugar o sorteo dunha becerra entre os asistentes
Tanto a a Asociación de Promoción de Frisona Coruña (PROFRICO) como o Concello de Arzúa amosáronse satisfeitos cos resultados do evento, tanto pola afluencia rexistrada e o interese que amosou o público nas demostracións como polo alto número de exemplares que participaron nas distintas categorías nesta 1ª cita do concurso.

17 mar 2011

A FESTA DO QUEIXO FINALIZA ESTA FIN DE SEMANA CO "1º CONCURSO DE RAZA FRISONA, ARZÚA 2011"


O sábado 19 e domingo 20 de marzo remata a programación da 36ª Festa do Queixo o "1º Concurso Morfolóxico Provincial de Raza Frisona, Arzúa 2011".

O evento terá lugar no Pavillón Municipal da Feira do Gando (Santa María s/n, Arzúa) e compleméntase cun amplo programa de actividades no que, ademais do sorteo dunha becerra, inclúense diversos concursos e demostracións. Abaixo podedes consultar o programa completo: 

Cartel do 1º Concurso de Raza Frisona
Os días 19 e 20 de marzo, celébrase no marco da programación da 36ª Festa do Queixo o 1º Concurso de Raza Frisona, Arzúa 2011. A cita xorde da necesidade de ter na provincia da Coruña un certame no que se poida valorar, xulgar e apreciar o alto potencial xenético das granxas frisonas da nosa provincia.

Despois de pasar as probas de selección cóntase coa presenza de 100 animais finalistas dos que sairá a Novilla Gran Campioa Provincial. Hai xa varios meses iniciáronse os preparativos deste acontecemento, que se espera sexa un éxito de asistencia de público. 
  
reverso do folleto, programación actividades
A xornada do sábado 19 está especialmente enfocada aos máis novos. A organización pretende trasladarlle as novas xeracións o valor do traballo que os gandeiros fan coa xenética para darlle valor engadido aos nosos animais e transmitirlle o sentimento de orgullo de ser os futuros gandeiros.

Desde PROFRICO anímase a todos os gandeiros e gandeiras de leite a que visiten esta fin de semana o concurso, pois é un orgullo para a provincia poder contar con animais de alto potencial xenético e melloradores da raza. O público está convidado a gozar deste concurso, no que poderá apreciar a gran labor que fan os gandeiros da Coruña cos nosos animais e terá a oportunidade de admirar aos mellores exemplares existentes hoxe en Galicia e en España.

As bases dos concursos están dispoñibles no sitio web www.xovenesgandeiros.com

Organizado pola Asociación de Promoción de Frisona Coruña (PROFRICO), co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Arzúa, Africor Coruña, Fefriga e o Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia. 

16 mar 2011

MÁIS DE 30.000 PERSOAS PARTICIPAN DA FESTA DO QUEIXO 2011


Os concertos do Festival do Queixo con Tote King, Delinqüentes e Tomasito, e a agardada sesión DJ de Chema Rey completaron aforo. 
  
Delinqüentes e Tomasito no Festival do Queixo 2011

Durante a fin de semana de celebración da 36ª Festa do Queixo milleiros de persoas visitaron Arzúa, o éxito de público reflectiuse especialmente na alta participación das actividades programadas e na asistencia aos concertos do Festival do Queixo.


Delinqüentes e Tomasito no Festival do Queixo 2011

Na xornada do sábado os concertos foron o prato forte da programación. As actuacións de Zapatopitobota, grupo gañador do Queixo Maquetón 2011 Tote King, Delinqüentes+Tomasito e Chema Rey completaron aforo nos escenarios do Campo da Feira e da Praza de Galiza.

Tote King no Festival do Queixo 2011
 
Chema Rey, o archicoñecido DJ e locutor de Radio 3, estivo en Arzúa ofrecéndonos  a súa agardada sesión DJ desde o escenario da Praza de Galiza, xa ben entrada a noite do sábado 12.

Sesión DJ de Chema Rey no Festival do Queixo 2011

O domingo 13 as actuacións de Riobó, Susana Seivane, así como as exposicións e o resto de obradoiros programados superaron tamén todas as expectativas de público, incluso coa choiva que nos acompañou en moitos momentos!!! Grazas a tod@s!!!

Susana Seivane no Festival do Queixo 2011

15 mar 2011

RESUMO EN IMAXES: CONFERENCIA AUDIOVISUAL SOBRE A HISTORIA DA MÚSICA NO RECINTO FEIRAL


O lendario DJ e locutor de Radio 3 ofreceunos no recinto feiral un interesantísimo percorrido pola música das últimas décadas. 

Conferencia-audivisual de Chema Rey na Festa do Queixo

A Conferencia Audiovisual foi un completo e didáctico percorrido repaso pola historia da música: xéneros, artistas, tendencias e contextos a través de imaxes de arquivo, directos e clips recompilados e animados; música e comentarios con mini-reportaxes e montaxes visuais de época.


Conferencia-audivisual de Chema Rey na Festa do Queixo

A elección das actividades da Festa do Queixo, en especial as programadas para as/os máis novas/os, atende ao lecer mais sobre todo a obxectivos pedagóxicos. Á súa consecución contribúen actividades como celebrada no recinto feiral a cargo do coñecido DJ e locutor Chema Rey.

Conferencia-audivisual de Chema Rey na Festa do Queixo

RESUMO EN IMAXES: ZAPATOTIPOBOTA (EUSKADI) GAÑA O 3º CONCURSO QUEIXO MAQUETÓN


O grupo vasco Zapatotipobota foi o gañador do concurso de maquetas Queixo Maquetón 2011, o 2º posto foi para os vigueses Munich e o 3º para Le Cul (Chantada). 

Zapatotipobota (Euskadi), gañador do 3º Queixo Maquetón

A final tivo lugar na tarde do sábado 12 coas actuacións das tres bandas finalistas Munich, Le Cûl e Zapatotipobota, de Vigo, Chantada e Euskadi, respectivamente.  Os Zapototipobota subiron de novo ao escenario ás 00.30h como gañadores da 3ª edición para ofrecer o seu mellor directo nun dos concertos máis agardados.

O concurso contou cun xurado de luxo composto por Roberto Nicieza (Pop Up Música), Chema Rey (Radio 3), Salvador García (Radio Vigo - Maketón Estrella Galicia), Josiño Carballo (Ernie Producciones) e José Ramón Bernárdez (Queixo Maquetón); non o tiveron doado debido a alta calidade dos traballos presentados.

 Munich (Vigo), 2º clasificado

Este ano bateuse un novo récord cun total de 54 maquetas recibidas nas que están representadas a maioría das comunidades autónomas. O Queixo Maquetón medra cada ano, en tan só tres edicións logrou situarse como un dos concursos de máis prestixio do panorama estatal.

 Le Cûl (Chantada), 3º clasificado

O Myspace do Concurso Queixo Maquetón recibiu máis de 2.500 visitas durante os tres meses que estivo aberta a convocatoria, un aumento significativo de participación que anima a seguir apostando polas novas bandas e os novos talentos, ofrecéndolles a oportunidade de amosar en Arzúa a súa música.

14 mar 2011

RESUMO EN IMAXES: INAUGURACIÓN OFICIAL, ENTREGAS DE PREMIOS E PREGÓN DA 36ª FESTA DO QUEIXO NO RECINTO FEIRAL


O sábado 12 de marzo tivo lugar a Inauguración Oficial, as entregas de premios do Concurso de Carteis e o Pregón da 36ª edición no recinto feiral Terra do Queixo.
 
Inauguración Oficial 36ª Festa do Queixo, Arzúa 2011

Celtia, Gael e David, alumnos de sexto curso de educación primaria, foron os encargados de presentar e conducir ás 13.00 h do sábado o acto inaugural e a entrega de premios do Concurso de Carteis. A peza Tradición e Modernidade, de Xabier Quinteiro, foi elixida como  gañadora das 106 presentadas, o récord de participación o concurso. 

Entrega de premios concurso de carteis

No acto participaron D. Xaquín García, alcalde do Concello de Arzúa; D.Xosé Luís García, concelleiro de Cultura do Concello de Arzúa e presidente da Asociación para a Promoción da Festa do Queixo; D. Pablo Villamar, vicepresidente da Deputación da Coruña e o restaurador André Arzúa, pregoeiro desta edición 2011. Tamén estiveron presentes Dna, Mª Dolores Galovart, vicevaledora do Pobo, D. Xosé Luis Carrera, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, a delegación convidada do concello de Trujillo coa súa alcaldesa ao fronte entre outros convidados.

André Arzúa, pregoeiro 2011

André Arzúa, un dos chefs de referencia da alta cociña galega do s.XXI, foi o encargado do pregón. Como non podía ser doutra maneira, o seu discurso estivo cheo de referencias gastronómicas, destacando as características e o valor do queixo de Arzúa como ingrediente fundamental da cociña do noso país. Para rematar, ofreceunos “unha nova receita elaborada a base de ingredientes como esforzo, traballo, persoas, ilusión, montes, prados, ríos, camiño, un concello de 7.000 habitantes, leite, sal, vacas e moita paixón, chamada 36ª Festa do Queixo”. O líder de Comando Chef empregará mañá a nova cociña do Recinto Feiral para realizar un obradoiro especial de receitas de queixo dirixido aos máis novos.

Xaquín García e André Arzúa (foto El Progreso)

A inauguración da festa continuouse co espectáculo de Breakdance da Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola e co percorrido e visita das autoridades aos expositores.

Espectáculo de Breakdance no recinto feiral Terra do Queixo

RESUMO EN IMAXES: CASA CHELO GAÑADORA DO "CONCURSO DE TAPAS E PETISCOS"


Casa Chelo gañou o 5º "Concurso de Tapas e Petiscos" coa proposta "Tosta de Calabacín con cebola confitada, queixo Arzúa-Ulloa e aceite de pirixel”.

“Tosta de calabacín con cebola confitada, queixo Arzúa-Ulloa e aceite de pirixel”

Casa Chelo tamén resultara gañadora na edición do ano 2009, cun “Allo-porro con troita afumada ao queixo Arzúa-Ulloa”. 

 O segundo posto foi para o “Milfollas de Solombo, piña e queixo Arzúa-Ulloa” do Café-Bar O Arco da Vella, e o terceiro lugar para as “Turcóndigas de Ternera Gallega con queixo Arzúa-Ulloa” da Pizzería O Rueiro.

O concurso enmarcado dentro da Festa do Queixo, está organizado polo C.R.D.O.P. Arzúa‑Ulloa e a Asociación de Hostaleiros de Arzúa. O xurado estivo formado polo xornalista José Ramón Bernárdez, de Radio Arzúa, os blogueiros gastronómicos Miguel Vila e Manolo Gago e o xerente do Consello Regulador, Óscar Pérez.
 
A entrega do premio realizase o domingo 13 ás 12:30 no “stand” do Consello Regulador no recinto feiral.

Os asistentes á Festa do Queixo poderán degustar ata este domingo os petiscos e tapas nos 17 establecementos participantes nesta 5ª edición do concurso.

4 mar 2011

PRESENTACIÓN OFICIAL DA PROGRAMACIÓN DA 36ª FESTA DO QUEIXO

Onte xoves 3 de marzo tivo lugar no Telecentro de Arzúa a presentación oficial da programación 36ª edición.

Podedes ver e descargar a programación 2011 e todos os horarios en www.festadoqueixo.org. O dossier coa información completo atoparédelo no apartado de "prensa".

De esquerda a dereita: André Arzúa, pregoeiro 2011; Xosé Luís García, concelleiro de Cultura do concello de Arzúa; Xaquín García, alcalde-presidente do Concello de Arzúa; Xosé Luís Carrera, presidente do C.R.D.O.P. Arzúa-Ulloa e José Ramón Bermúdez,  responsable do Concurso Queixo Maquetón -Radio Arzúa-.

No acto interviron  Xaquín García, Alcalde do Concello de Arzúa; Xosé Luís García, Concelleiro de Cultura, Mocidade, Educación e Normalización Lingüística do Concello de Arzúa e Presidente da Asociación para a Promoción da Festa do Queixo; Xosé Luís Carrera, Presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa; José Ramón Bernárdez, responsable do Concurso “Queixo Maquetón” e André Arzúa, restaurador e pregoeiro desta edición 2011.


Presentación da 36ª Festa do Queixo (3 de marzo de 2011, Telecentro de Arzúa)

Ao despedírmonos agasallouse con queixo da nosa Denominación de Orixe Protexida ás empresas colaboradoras e aos numerosos xornalistas asistentes.

O queixo da D.O.P. Arzúa-Ulloa leva unha etiqueta comercial na que figura a mención da Denominación de Orixe Protexida, cunha contra-etiqueta numerada expedida e controlada polo Consello Regulador. Desde 1989 este queixo, elaborado a partir de leite de natural e enteira de vaca, recibe a denominación de Produto Galego de Calidade.

Arzúa adopta nestes días un valor engadido desde a perspectiva cultural, económica, formativa e de lecer, a través dunha intensa programación de actividades. Ademais dos expositores, o recinto feiral Terra do Queixo acolle diferentes actos relacionados coa cultura, converténdose nun espazo de intercambio que nos achega ao mundo do queixo. No posto da Organización (centro do recinto) haberá información ao visitante e tamén artigos á venda.

A vila é unha espiral, un confluír de xente diversa, un vieiro de acontecementos, a unión do pasado co futuro e un lugar onde cabe o multidisciplinar: tradición, innovación, gastronomía, música, cultura.  Un lugar aberto a tod@s e pensado para tod@s.

A festa é de tod@s e considérate pois na túa casa, así que goza dela respectándoa, e respectando tamén a contorna e aos demais. Se aínda non tiveches a oportunidade, dá unha volta pausada polos arredores de Arzúa, verás a beleza da nosa, da túa, terra. Os aseos públicos do recinto feiral permanecen abertos desde a mañá ata o remate do último dos concertos. Contan con servizo de limpeza e mantemento regular, mais os usuarios somos os que debemos preservar o seu coidado. Hai papeleiras e contedores de lixo no interior e no exterior do recinto feiral, desfaite do lixo nos lugares axeitados. Preserva o coidado de todas as zonas, prazas, rúas, xardíns...

Convidámosvos a gozar do noso 36º aniversario!

+ info no web da festa
 

2 mar 2011

QUEREDES VER O SPOT DESTA EDICIÓN?


Emitirase, con máis alta resolución, desde os próximos días na CRTVG e noutras canles, ademais de cuñas de radio en diferentes emisoras. Agardamos que vos guste! ;-)

Máis de 100 postos de expositores participarán na 36ª edición da Festa do Queixo


Un total de 108 expositores reservaron xa o seu espazo para participar na 36ª edición.


Un ano máis, o Recinto Feiral Terra do Queixo contará cunha ampla mostra das distintas denominacións de orixe, nos que estará ben representado o queixo galego coas denominacións de orixe galegas, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro e tamén a participación de queixerías de procedencia internacional, chegadas de Francia e Italia, así como do resto do estado como Menorca, Pirineos (Huesca) ou de Taramundi (Asturias). Ademais, haberá máis postos de produtores artesanais de diferentes artigos.

Ademais dos expositores, o acóllense exposicións e diferentes actos relacionados coa cultura, o que convirte ao o evento nun espazo de intercambio que nos achega ao mundo do queixo integrando actividades dirixidas ao seu coñecemento. A nova cociña do Recinto Feiral estreada recentemente será un dos puntos quentes desta edición, na que se levarán a cabo diferentes actividades relacionadas co queixo e a gastronomía.

O recinto permanecerá aberto ao público dous días completos en horario ininterrompido. O sábado 12 de marzo, a apertura de portas terá lugar ás 11.00 h ata ás 21.00 h; o domingo 13, o horario será de 10.00 h a 21.00 h.

28 feb 2011

O xoves 3 de marzo, presentación da 36ª edición


O xoves 3 de marzo, presentación oficial da Festa do Queixo 2011 no Telecentro de Arzúa (12.30h)
 
No dito acto darase a coñecer aos medios de comunicación a programación ao completo desta 36ª edición. A presentación, que terá lugar no Telecentro de Arzúa ás 12.30h (Avda. de Lugo s/n) é de libre acceso para o público que o desexe (ata encher aforo, no seu caso). O programa íntegro poderase consultar e tamén descargar en www.festadoqueixo.org.  

Abaixo podedes ver un vídeo resumo da edición 2010 (Correo TV) 

VER VIDEO EDICIÓN 2010
Festa do Queixo 2010 -correo TV-

Para quen non coñeza Arzúa ou desexe coñecela un pouco máis, recomendamos o vídeo producido polo aula de teatro Ánxel Casal.
 
VER VÍDEO PARTE 1
Vídeo "Pensa en Arzúa, pensa en ti" -parte 1-

VER VÍDEO PARTE 2
Vídeo "Pensa en Arzúa, pensa en ti" -parte 2-

Entrevistas realizadas na Capela da Madanela de Arzúa, e ao fondo parte das pezas presentadas ao concurso de carteis 2011 -coordinación audiovisual de Iris Producións-.