Mostrando entradas con la etiqueta Expositores e Recinto. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Expositores e Recinto. Mostrar todas las entradas

14 mar 2011

RESUMO EN IMAXES: INAUGURACIÓN OFICIAL, ENTREGAS DE PREMIOS E PREGÓN DA 36ª FESTA DO QUEIXO NO RECINTO FEIRAL


O sábado 12 de marzo tivo lugar a Inauguración Oficial, as entregas de premios do Concurso de Carteis e o Pregón da 36ª edición no recinto feiral Terra do Queixo.
 
Inauguración Oficial 36ª Festa do Queixo, Arzúa 2011

Celtia, Gael e David, alumnos de sexto curso de educación primaria, foron os encargados de presentar e conducir ás 13.00 h do sábado o acto inaugural e a entrega de premios do Concurso de Carteis. A peza Tradición e Modernidade, de Xabier Quinteiro, foi elixida como  gañadora das 106 presentadas, o récord de participación o concurso. 

Entrega de premios concurso de carteis

No acto participaron D. Xaquín García, alcalde do Concello de Arzúa; D.Xosé Luís García, concelleiro de Cultura do Concello de Arzúa e presidente da Asociación para a Promoción da Festa do Queixo; D. Pablo Villamar, vicepresidente da Deputación da Coruña e o restaurador André Arzúa, pregoeiro desta edición 2011. Tamén estiveron presentes Dna, Mª Dolores Galovart, vicevaledora do Pobo, D. Xosé Luis Carrera, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, a delegación convidada do concello de Trujillo coa súa alcaldesa ao fronte entre outros convidados.

André Arzúa, pregoeiro 2011

André Arzúa, un dos chefs de referencia da alta cociña galega do s.XXI, foi o encargado do pregón. Como non podía ser doutra maneira, o seu discurso estivo cheo de referencias gastronómicas, destacando as características e o valor do queixo de Arzúa como ingrediente fundamental da cociña do noso país. Para rematar, ofreceunos “unha nova receita elaborada a base de ingredientes como esforzo, traballo, persoas, ilusión, montes, prados, ríos, camiño, un concello de 7.000 habitantes, leite, sal, vacas e moita paixón, chamada 36ª Festa do Queixo”. O líder de Comando Chef empregará mañá a nova cociña do Recinto Feiral para realizar un obradoiro especial de receitas de queixo dirixido aos máis novos.

Xaquín García e André Arzúa (foto El Progreso)

A inauguración da festa continuouse co espectáculo de Breakdance da Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola e co percorrido e visita das autoridades aos expositores.

Espectáculo de Breakdance no recinto feiral Terra do Queixo

2 mar 2011

Máis de 100 postos de expositores participarán na 36ª edición da Festa do Queixo


Un total de 108 expositores reservaron xa o seu espazo para participar na 36ª edición.


Un ano máis, o Recinto Feiral Terra do Queixo contará cunha ampla mostra das distintas denominacións de orixe, nos que estará ben representado o queixo galego coas denominacións de orixe galegas, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro e tamén a participación de queixerías de procedencia internacional, chegadas de Francia e Italia, así como do resto do estado como Menorca, Pirineos (Huesca) ou de Taramundi (Asturias). Ademais, haberá máis postos de produtores artesanais de diferentes artigos.

Ademais dos expositores, o acóllense exposicións e diferentes actos relacionados coa cultura, o que convirte ao o evento nun espazo de intercambio que nos achega ao mundo do queixo integrando actividades dirixidas ao seu coñecemento. A nova cociña do Recinto Feiral estreada recentemente será un dos puntos quentes desta edición, na que se levarán a cabo diferentes actividades relacionadas co queixo e a gastronomía.

O recinto permanecerá aberto ao público dous días completos en horario ininterrompido. O sábado 12 de marzo, a apertura de portas terá lugar ás 11.00 h ata ás 21.00 h; o domingo 13, o horario será de 10.00 h a 21.00 h.

6 feb 2010

ABERTO O PRAZO PARA EXPOSITORES



















Aberto o prazo para a reserva de prazas no Recinto Feiral Terra do Queixo

Todos os produtores interesados en participar como expositores poden formalizar a súa inscrición ben presentándose no Concello, chamando ao tel. 981500000 -ext 35-, e, como novidade introducida este ano, achegando un correo cos seus datos a info@festadoqueixo.org co asunto "Inscrición Expositor", antes do venres 19 de febreiro.

O recinto feiral abrirá as súas portas durante DOUS DIAS, desde o sábado dia 6 de marzo ás 08:00h para o acomodamento de todos os produtores e desde as 10:00h para o público.


Ademais de aos expositores, acollerá diferentes actos relacionados coa cultura, converténdose nun espazo de intercambio que nos achega ao mundo do queixo, potenciando actividades dirixidas ao seu coñecemento.

+ información: Concello de Arzúa 981500000 -ext 35-