Mostrando entradas con la etiqueta festa do queixo 2011. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta festa do queixo 2011. Mostrar todas las entradas

16 mar 2011

MÁIS DE 30.000 PERSOAS PARTICIPAN DA FESTA DO QUEIXO 2011


Os concertos do Festival do Queixo con Tote King, Delinqüentes e Tomasito, e a agardada sesión DJ de Chema Rey completaron aforo. 
  
Delinqüentes e Tomasito no Festival do Queixo 2011

Durante a fin de semana de celebración da 36ª Festa do Queixo milleiros de persoas visitaron Arzúa, o éxito de público reflectiuse especialmente na alta participación das actividades programadas e na asistencia aos concertos do Festival do Queixo.


Delinqüentes e Tomasito no Festival do Queixo 2011

Na xornada do sábado os concertos foron o prato forte da programación. As actuacións de Zapatopitobota, grupo gañador do Queixo Maquetón 2011 Tote King, Delinqüentes+Tomasito e Chema Rey completaron aforo nos escenarios do Campo da Feira e da Praza de Galiza.

Tote King no Festival do Queixo 2011
 
Chema Rey, o archicoñecido DJ e locutor de Radio 3, estivo en Arzúa ofrecéndonos  a súa agardada sesión DJ desde o escenario da Praza de Galiza, xa ben entrada a noite do sábado 12.

Sesión DJ de Chema Rey no Festival do Queixo 2011

O domingo 13 as actuacións de Riobó, Susana Seivane, así como as exposicións e o resto de obradoiros programados superaron tamén todas as expectativas de público, incluso coa choiva que nos acompañou en moitos momentos!!! Grazas a tod@s!!!

Susana Seivane no Festival do Queixo 2011

15 mar 2011

RESUMO EN IMAXES: MÁIS DE CEN EXPOSITORES PRESENTES NO RECINTO FEIRAL TERRA DO QUEIXO


O Recinto Feiral Terra do Queixo contou cunha amplísima mostra de queixos galegos e doutras procecencias, cun total de 108 expositores participantes na 36ª edición.

 Recinto Feiral Terra do Queixo, Arzúa 2011

Estiveron presentes queixerías das  denominacións de orixe galegas Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro, expositores de Menorca, Pirineos -Huesca- ou Taramundi -Asturias-, e tamén de procedencia internacional, desde Francia e Italia.

Corredor central do recinto coas queixerías da D.O.P. Arzúa-Ulloa

O recinto estivo aberto ao público dous días en horario ininterrompido. O sábado 12 de marzo, de 11.00 h a 21.00 h e o domingo 13, de 10.00 h a 21.00 h. Ademais, contou con postos de produtores artesanais de diferentes artigos e o mercado multisectorial das rúas e prazas de Arzúa.

Corredor central do recinto coas queixerías da D.O.P. Arzúa-Ulloa

Ademais dos expositores de queixo, acolléronse diferentes obradoiros e exposicións o que converte ao evento nun espazo de intercambio integrando actividades dirixidas principalmente ao público máis novo. A nova cociña do Recinto Feiral estreada recentemente foi un dos puntos quentes desta edición, na que se desenvolveu o obradoiro de cociña creativa dirixido polo pregoeiro, o chef André Arzúa. Renovouse e fíxose máis accesible o stand da Organización, a disposición do público no centro do recinto e no que se atopa toda a información relacionada co evento así como diferentes artigos e agasallos da festa.
 
Novo stand da Organización, con produtos da festa e información

RESUMO EN IMAXES: CONFERENCIA AUDIOVISUAL SOBRE A HISTORIA DA MÚSICA NO RECINTO FEIRAL


O lendario DJ e locutor de Radio 3 ofreceunos no recinto feiral un interesantísimo percorrido pola música das últimas décadas. 

Conferencia-audivisual de Chema Rey na Festa do Queixo

A Conferencia Audiovisual foi un completo e didáctico percorrido repaso pola historia da música: xéneros, artistas, tendencias e contextos a través de imaxes de arquivo, directos e clips recompilados e animados; música e comentarios con mini-reportaxes e montaxes visuais de época.


Conferencia-audivisual de Chema Rey na Festa do Queixo

A elección das actividades da Festa do Queixo, en especial as programadas para as/os máis novas/os, atende ao lecer mais sobre todo a obxectivos pedagóxicos. Á súa consecución contribúen actividades como celebrada no recinto feiral a cargo do coñecido DJ e locutor Chema Rey.

Conferencia-audivisual de Chema Rey na Festa do Queixo

RESUMO EN IMAXES: ZAPATOTIPOBOTA (EUSKADI) GAÑA O 3º CONCURSO QUEIXO MAQUETÓN


O grupo vasco Zapatotipobota foi o gañador do concurso de maquetas Queixo Maquetón 2011, o 2º posto foi para os vigueses Munich e o 3º para Le Cul (Chantada). 

Zapatotipobota (Euskadi), gañador do 3º Queixo Maquetón

A final tivo lugar na tarde do sábado 12 coas actuacións das tres bandas finalistas Munich, Le Cûl e Zapatotipobota, de Vigo, Chantada e Euskadi, respectivamente.  Os Zapototipobota subiron de novo ao escenario ás 00.30h como gañadores da 3ª edición para ofrecer o seu mellor directo nun dos concertos máis agardados.

O concurso contou cun xurado de luxo composto por Roberto Nicieza (Pop Up Música), Chema Rey (Radio 3), Salvador García (Radio Vigo - Maketón Estrella Galicia), Josiño Carballo (Ernie Producciones) e José Ramón Bernárdez (Queixo Maquetón); non o tiveron doado debido a alta calidade dos traballos presentados.

 Munich (Vigo), 2º clasificado

Este ano bateuse un novo récord cun total de 54 maquetas recibidas nas que están representadas a maioría das comunidades autónomas. O Queixo Maquetón medra cada ano, en tan só tres edicións logrou situarse como un dos concursos de máis prestixio do panorama estatal.

 Le Cûl (Chantada), 3º clasificado

O Myspace do Concurso Queixo Maquetón recibiu máis de 2.500 visitas durante os tres meses que estivo aberta a convocatoria, un aumento significativo de participación que anima a seguir apostando polas novas bandas e os novos talentos, ofrecéndolles a oportunidade de amosar en Arzúa a súa música.

14 mar 2011

RESUMO EN IMAXES: INAUGURACIÓN OFICIAL, ENTREGAS DE PREMIOS E PREGÓN DA 36ª FESTA DO QUEIXO NO RECINTO FEIRAL


O sábado 12 de marzo tivo lugar a Inauguración Oficial, as entregas de premios do Concurso de Carteis e o Pregón da 36ª edición no recinto feiral Terra do Queixo.
 
Inauguración Oficial 36ª Festa do Queixo, Arzúa 2011

Celtia, Gael e David, alumnos de sexto curso de educación primaria, foron os encargados de presentar e conducir ás 13.00 h do sábado o acto inaugural e a entrega de premios do Concurso de Carteis. A peza Tradición e Modernidade, de Xabier Quinteiro, foi elixida como  gañadora das 106 presentadas, o récord de participación o concurso. 

Entrega de premios concurso de carteis

No acto participaron D. Xaquín García, alcalde do Concello de Arzúa; D.Xosé Luís García, concelleiro de Cultura do Concello de Arzúa e presidente da Asociación para a Promoción da Festa do Queixo; D. Pablo Villamar, vicepresidente da Deputación da Coruña e o restaurador André Arzúa, pregoeiro desta edición 2011. Tamén estiveron presentes Dna, Mª Dolores Galovart, vicevaledora do Pobo, D. Xosé Luis Carrera, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, a delegación convidada do concello de Trujillo coa súa alcaldesa ao fronte entre outros convidados.

André Arzúa, pregoeiro 2011

André Arzúa, un dos chefs de referencia da alta cociña galega do s.XXI, foi o encargado do pregón. Como non podía ser doutra maneira, o seu discurso estivo cheo de referencias gastronómicas, destacando as características e o valor do queixo de Arzúa como ingrediente fundamental da cociña do noso país. Para rematar, ofreceunos “unha nova receita elaborada a base de ingredientes como esforzo, traballo, persoas, ilusión, montes, prados, ríos, camiño, un concello de 7.000 habitantes, leite, sal, vacas e moita paixón, chamada 36ª Festa do Queixo”. O líder de Comando Chef empregará mañá a nova cociña do Recinto Feiral para realizar un obradoiro especial de receitas de queixo dirixido aos máis novos.

Xaquín García e André Arzúa (foto El Progreso)

A inauguración da festa continuouse co espectáculo de Breakdance da Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola e co percorrido e visita das autoridades aos expositores.

Espectáculo de Breakdance no recinto feiral Terra do Queixo

RESUMO EN IMAXES: CASA CHELO GAÑADORA DO "CONCURSO DE TAPAS E PETISCOS"


Casa Chelo gañou o 5º "Concurso de Tapas e Petiscos" coa proposta "Tosta de Calabacín con cebola confitada, queixo Arzúa-Ulloa e aceite de pirixel”.

“Tosta de calabacín con cebola confitada, queixo Arzúa-Ulloa e aceite de pirixel”

Casa Chelo tamén resultara gañadora na edición do ano 2009, cun “Allo-porro con troita afumada ao queixo Arzúa-Ulloa”. 

 O segundo posto foi para o “Milfollas de Solombo, piña e queixo Arzúa-Ulloa” do Café-Bar O Arco da Vella, e o terceiro lugar para as “Turcóndigas de Ternera Gallega con queixo Arzúa-Ulloa” da Pizzería O Rueiro.

O concurso enmarcado dentro da Festa do Queixo, está organizado polo C.R.D.O.P. Arzúa‑Ulloa e a Asociación de Hostaleiros de Arzúa. O xurado estivo formado polo xornalista José Ramón Bernárdez, de Radio Arzúa, os blogueiros gastronómicos Miguel Vila e Manolo Gago e o xerente do Consello Regulador, Óscar Pérez.
 
A entrega do premio realizase o domingo 13 ás 12:30 no “stand” do Consello Regulador no recinto feiral.

Os asistentes á Festa do Queixo poderán degustar ata este domingo os petiscos e tapas nos 17 establecementos participantes nesta 5ª edición do concurso.

4 mar 2011

PRESENTACIÓN OFICIAL DA PROGRAMACIÓN DA 36ª FESTA DO QUEIXO

Onte xoves 3 de marzo tivo lugar no Telecentro de Arzúa a presentación oficial da programación 36ª edición.

Podedes ver e descargar a programación 2011 e todos os horarios en www.festadoqueixo.org. O dossier coa información completo atoparédelo no apartado de "prensa".

De esquerda a dereita: André Arzúa, pregoeiro 2011; Xosé Luís García, concelleiro de Cultura do concello de Arzúa; Xaquín García, alcalde-presidente do Concello de Arzúa; Xosé Luís Carrera, presidente do C.R.D.O.P. Arzúa-Ulloa e José Ramón Bermúdez,  responsable do Concurso Queixo Maquetón -Radio Arzúa-.

No acto interviron  Xaquín García, Alcalde do Concello de Arzúa; Xosé Luís García, Concelleiro de Cultura, Mocidade, Educación e Normalización Lingüística do Concello de Arzúa e Presidente da Asociación para a Promoción da Festa do Queixo; Xosé Luís Carrera, Presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa; José Ramón Bernárdez, responsable do Concurso “Queixo Maquetón” e André Arzúa, restaurador e pregoeiro desta edición 2011.


Presentación da 36ª Festa do Queixo (3 de marzo de 2011, Telecentro de Arzúa)

Ao despedírmonos agasallouse con queixo da nosa Denominación de Orixe Protexida ás empresas colaboradoras e aos numerosos xornalistas asistentes.

O queixo da D.O.P. Arzúa-Ulloa leva unha etiqueta comercial na que figura a mención da Denominación de Orixe Protexida, cunha contra-etiqueta numerada expedida e controlada polo Consello Regulador. Desde 1989 este queixo, elaborado a partir de leite de natural e enteira de vaca, recibe a denominación de Produto Galego de Calidade.

Arzúa adopta nestes días un valor engadido desde a perspectiva cultural, económica, formativa e de lecer, a través dunha intensa programación de actividades. Ademais dos expositores, o recinto feiral Terra do Queixo acolle diferentes actos relacionados coa cultura, converténdose nun espazo de intercambio que nos achega ao mundo do queixo. No posto da Organización (centro do recinto) haberá información ao visitante e tamén artigos á venda.

A vila é unha espiral, un confluír de xente diversa, un vieiro de acontecementos, a unión do pasado co futuro e un lugar onde cabe o multidisciplinar: tradición, innovación, gastronomía, música, cultura.  Un lugar aberto a tod@s e pensado para tod@s.

A festa é de tod@s e considérate pois na túa casa, así que goza dela respectándoa, e respectando tamén a contorna e aos demais. Se aínda non tiveches a oportunidade, dá unha volta pausada polos arredores de Arzúa, verás a beleza da nosa, da túa, terra. Os aseos públicos do recinto feiral permanecen abertos desde a mañá ata o remate do último dos concertos. Contan con servizo de limpeza e mantemento regular, mais os usuarios somos os que debemos preservar o seu coidado. Hai papeleiras e contedores de lixo no interior e no exterior do recinto feiral, desfaite do lixo nos lugares axeitados. Preserva o coidado de todas as zonas, prazas, rúas, xardíns...

Convidámosvos a gozar do noso 36º aniversario!

+ info no web da festa
 

2 mar 2011

QUEREDES VER O SPOT DESTA EDICIÓN?


Emitirase, con máis alta resolución, desde os próximos días na CRTVG e noutras canles, ademais de cuñas de radio en diferentes emisoras. Agardamos que vos guste! ;-)

Máis de 100 postos de expositores participarán na 36ª edición da Festa do Queixo


Un total de 108 expositores reservaron xa o seu espazo para participar na 36ª edición.


Un ano máis, o Recinto Feiral Terra do Queixo contará cunha ampla mostra das distintas denominacións de orixe, nos que estará ben representado o queixo galego coas denominacións de orixe galegas, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro e tamén a participación de queixerías de procedencia internacional, chegadas de Francia e Italia, así como do resto do estado como Menorca, Pirineos (Huesca) ou de Taramundi (Asturias). Ademais, haberá máis postos de produtores artesanais de diferentes artigos.

Ademais dos expositores, o acóllense exposicións e diferentes actos relacionados coa cultura, o que convirte ao o evento nun espazo de intercambio que nos achega ao mundo do queixo integrando actividades dirixidas ao seu coñecemento. A nova cociña do Recinto Feiral estreada recentemente será un dos puntos quentes desta edición, na que se levarán a cabo diferentes actividades relacionadas co queixo e a gastronomía.

O recinto permanecerá aberto ao público dous días completos en horario ininterrompido. O sábado 12 de marzo, a apertura de portas terá lugar ás 11.00 h ata ás 21.00 h; o domingo 13, o horario será de 10.00 h a 21.00 h.

28 feb 2011

O xoves 3 de marzo, presentación da 36ª edición


O xoves 3 de marzo, presentación oficial da Festa do Queixo 2011 no Telecentro de Arzúa (12.30h)
 
No dito acto darase a coñecer aos medios de comunicación a programación ao completo desta 36ª edición. A presentación, que terá lugar no Telecentro de Arzúa ás 12.30h (Avda. de Lugo s/n) é de libre acceso para o público que o desexe (ata encher aforo, no seu caso). O programa íntegro poderase consultar e tamén descargar en www.festadoqueixo.org.  

Abaixo podedes ver un vídeo resumo da edición 2010 (Correo TV) 

VER VIDEO EDICIÓN 2010
Festa do Queixo 2010 -correo TV-

Para quen non coñeza Arzúa ou desexe coñecela un pouco máis, recomendamos o vídeo producido polo aula de teatro Ánxel Casal.
 
VER VÍDEO PARTE 1
Vídeo "Pensa en Arzúa, pensa en ti" -parte 1-

VER VÍDEO PARTE 2
Vídeo "Pensa en Arzúa, pensa en ti" -parte 2-

Entrevistas realizadas na Capela da Madanela de Arzúa, e ao fondo parte das pezas presentadas ao concurso de carteis 2011 -coordinación audiovisual de Iris Producións-.

15 feb 2011

ZAPATOTIPOBOTA (Euskadi), MUNICH (Vigo) e LE CÛL (Chantada) finalistas da 3ª edición do QUEIXO MAQUETÓN


O concurso de maquetas establece un novo récord con máis de 50 proxectos presentados.

Un total de 54 propostas con representación da maioría das comunidades autónomas españolas foron recibidas ao longo dos tres meses que a Organización determinou como prazo para inscribirse no concurso. Esta cifra supón un novo récord de participación, superando amplamente as 31 propostas da segunda edición (2010) e os 22 traballos recibidos na primeira (2009). O sábado 12 de marzo os galegos Munich e Le Cûl e os Vascos Zapatotipobota serán os finalistas do Queixo Maquetón  (Praza de Galiza, 18h).

PREMIOS: o concurso conta cunha dotación económica de 600 euros ao gañador, 200 euros para o segundo clasificado e 100 euros para o terceiro, ademais de 400 euros a cada grupo en concepto de desprazamento e estancia en Arzúa. 

Desde Euskadi chegan Zapatotipobota, un proxecto formado por Vallejo, Javi, María e Leta batería de El Inquilino Comunista e We Are Standard e que eles mesmos denominan indietronic con guitarras rockeiras ao estilo Ira Kaplan ou J. Mascis e voz rasgada. Foron finalistas do XXII Villa de Bilbao e andan preparando o seu primeiro traballo. 

Zapatotipobota -Euskadi-
A representación galega é dobre e chega como nas dúas edicións anteriores desde Vigo e este ano desde o concello lugués de Chantada.
 
No caso de Vigo serán Munich os que opten ao premio de 600 euros. Xurdidos a comezos de 2008, nacen coa idea de fundir o son dos ostenta máis escuros coas atmósferas actuais máis densas e profundas. Bases rítmicas presentes, guitarras afiladas e sintetizador. En xaneiro de 2009 ve a luz a súa primeira demo “Confusion, Lights & Sounds” que os levou a ser finalistas dos Levi´s Unfamous Music Awards, Demonova 09 e Maketón Estrella Galicia. En 2011 sacarán o seu primeiro longa duración.

Munich -Vigo-
Desde Chantada Le Cûl estará tamén na final o día 12 de marzo. Singulares, frescos e divertidos. Guitarras, sintetizadores e futurismo. Unha das moitas bandas que forman parte do que se deu en chamar “GALICIAN BIZARRE” un movemento musical que cada día está a cobrar maior protagonismo coas súas propostas alonxadas dos convencionalismos e que seguramente dará ben que falar nos vindeiros anos.

LE CÛL www.myspace.com/leculbanda
 
Le Cûl -Chantada (Lugo)-

Visita o Myspace dos 54 grupos desde  www.myspace.com/proxectoqueixomaqueton/blog