Mostrando entradas con la etiqueta pregón. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta pregón. Mostrar todas las entradas

16 feb 2012

UN 'CICLÓN' DE PREGOEIRA PARA 2012!

Teté Delgado, a simpática e polifacética actriz, cantante e presentadora dará o Pregón 2012!

Terá lugar na inaguración Oficial da 37ª edición. E despois gozarmos co seu concerto en acústico acompañada de ‘Teté y los Ciclones’ onde Teté dá renda solta a unha das súas grandes  paixóns: ser vocalista dunha banda do máis puro Rock’n’Roll. 

Só nos queda gozar co seu Rock’n’Roll e Rhythm’n’Blues dos 50, posto ao día e sen complexos ¡Chegou O ciclón!

Teté y los Ciclones
Inaguración, pregón e concerto en acústico: recinto feiral 'Terra do Queixo', sábado 3 de marzo, 13h  

Web Teté Delgado 
Myspace 'Teté y los Ciclones'
Teté Delgado -Wikipedia-

14 mar 2011

RESUMO EN IMAXES: INAUGURACIÓN OFICIAL, ENTREGAS DE PREMIOS E PREGÓN DA 36ª FESTA DO QUEIXO NO RECINTO FEIRAL


O sábado 12 de marzo tivo lugar a Inauguración Oficial, as entregas de premios do Concurso de Carteis e o Pregón da 36ª edición no recinto feiral Terra do Queixo.
 
Inauguración Oficial 36ª Festa do Queixo, Arzúa 2011

Celtia, Gael e David, alumnos de sexto curso de educación primaria, foron os encargados de presentar e conducir ás 13.00 h do sábado o acto inaugural e a entrega de premios do Concurso de Carteis. A peza Tradición e Modernidade, de Xabier Quinteiro, foi elixida como  gañadora das 106 presentadas, o récord de participación o concurso. 

Entrega de premios concurso de carteis

No acto participaron D. Xaquín García, alcalde do Concello de Arzúa; D.Xosé Luís García, concelleiro de Cultura do Concello de Arzúa e presidente da Asociación para a Promoción da Festa do Queixo; D. Pablo Villamar, vicepresidente da Deputación da Coruña e o restaurador André Arzúa, pregoeiro desta edición 2011. Tamén estiveron presentes Dna, Mª Dolores Galovart, vicevaledora do Pobo, D. Xosé Luis Carrera, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, a delegación convidada do concello de Trujillo coa súa alcaldesa ao fronte entre outros convidados.

André Arzúa, pregoeiro 2011

André Arzúa, un dos chefs de referencia da alta cociña galega do s.XXI, foi o encargado do pregón. Como non podía ser doutra maneira, o seu discurso estivo cheo de referencias gastronómicas, destacando as características e o valor do queixo de Arzúa como ingrediente fundamental da cociña do noso país. Para rematar, ofreceunos “unha nova receita elaborada a base de ingredientes como esforzo, traballo, persoas, ilusión, montes, prados, ríos, camiño, un concello de 7.000 habitantes, leite, sal, vacas e moita paixón, chamada 36ª Festa do Queixo”. O líder de Comando Chef empregará mañá a nova cociña do Recinto Feiral para realizar un obradoiro especial de receitas de queixo dirixido aos máis novos.

Xaquín García e André Arzúa (foto El Progreso)

A inauguración da festa continuouse co espectáculo de Breakdance da Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola e co percorrido e visita das autoridades aos expositores.

Espectáculo de Breakdance no recinto feiral Terra do Queixo

10 feb 2011

O restaurador ANDRÉ ARZÚA, un dos novos referentes da alta cociña galega, ao fronte do “Comando Chef”-TVG-, será o PREGOEIRO da 36ª Festa do Queixo


O lider do Comando Chef utilizará a  nova cociña do Recinto Feiral que se estrea este ano para sorprender aos todos participantes, sobre todo aos máis novos, que poderán intervir nun obradoiro especial de receitas de queixo dirixido por André.

André Arzúa cociñando en "Comando Chef"

O pregón terá lugar, xunto cos actos oficiais de inauguración, o sábado 12 de marzo a partires dás 13h no Recinto Feiral.

Graduado como técnico en Hostalería en Santiago de Compostela, André Arzúa levou a cabo a súa actividade en diferentes establecementos. Coa bagaxe reunida ata entón, unida a un traballo de investigación serio e esixente, tense convertido nun dos chefs de referencia da alta cociña galega do século XXI.

André tén editado xa un libro ben interesante, "Cociña”, no que se recollen máis de trescentas receitas e lidera ademais o equipo do programa Comando Chef da TVG, que cada semana se presenta sen previo aviso na casa dun galego coa intención de preparar unha cea para compartir con un personaxe famoso. Dispoñen de 60 minutos e unicamente se pode cociñar co que haxa na neveira nese momento. Para isto, cóntase coa súa experiencia como chef e co seu equipo, a mâitre, Aurora Asorey, e o comandante do "comando", Rafa Durán. 

En 2004, asumiu os riscos de poñer en pé o seu propio proxecto en A Fábrica de Vilanova de Allariz, unha antiga curtidoría convertida hoxe nun fermoso restaurante no que se respiran o ambiente e os recordos da vella maquinaria. Nel combina produtos galegos e da gastronomía peninsular cun receitario internacional e ofrece unha coidada carta, con moitas e interesantes propostas de produtos diversos e elaboracións contemporáneas, nos que se deixa ver a súa visión internacional e a súa permanente curiosidade.
A súa maxia está en conseguir creacións únicas sen esquecer as raíces culinarias da súa terra. O produto de calidade e o amor polos bos froitos da terra son a base a partir da que reinventa as receitas clásicas para convertelas en sorprendentes mesturas culinarias.
O pregoeiro coñece ben a identidade e o valor do queixo de Arzúa e sabe da súa importancia como ingrediente fundamental da cociña do noso país. Condimentado coa súa sensibilidade pola terra, a natureza e, sobre todo, a súa imaxinación, seguro que elabora un exquisito pregón para exaltar o noso manxar.

imaxe da nova cociña do Recinto Feiral Terra do Queixo